Onte e hoxe estivemos a preguntar ao persoal do centro que era o que facían no seu tempo de lecer, foron moitas e moi diversas as respostas. Con elas fixemos unha presentación na pantalla dixital.
Hoxe rematamos o noso último reto de Polos Creativos, creamos a nosa pedra! Fixemos bolas cos xornais, debuxamos a base da pedra e botamos cola. Pouco a pouco colocamos as bolas de papel. E chegou o momento de pintar a roca e despois a debuxar os nosos petróglifos. Aquí tedes a nosa pedra cos nosos petróglifos.
Hoxe foi o noso último mércores co xornal na aula... pero volveremos o curso que ven! Practicamos a merca do xornal, identificamos as emocións nas fotos do xornal, falamos dos xeados e dos usos dos móbiles, completamos os nosos paneis...
Seguimos a aprender como facer un uso saudable de internet. Estes días estivemos a falar de para que usamos os dispositivos tecnolóxicos e a rede e que é o que facemos no noso tempo de lecer.
Na aula 5 estamos a elaborar as normas que debemos seguir como peóns e como viaxeiros/as no coche. Para iso utilizamos diferentes fontes de información como os vídeos de "Luz verde" e materiais elaborados no cole.
Como cada mércores o xornal entra na aula 5. Antes de comezar a traballar co xornal practicamos as nosas habilidades comunicativas e simulamos a compra dun xornal nun quiosco. Hoxe viña unha foto de todos os concellos de Galicia, así que despois de atopar os nosos concellos saímos da aula e preguntámoslle as persoas que atopabamos de onde eran.
No calendario do mes de maio que trouxo o xornal falaban de Van Gogh, e cada un de nós eliximos un cadro. Aquí tedes a nosa personalización do cadro que máis nos gustou!
Hoxe na Biblioteca entre todos eliximos un xogo, a TORRE. Falamos da importancia das normas nos xogos e establecemos as deste xogo. Despois na aula escribímolas na pantalla e xa están na Biblioteca. Os xogos de mesa son unha moi boa opción para ocupar o noso tempo libre.
Na aula 5 estamos a realizar un Obradoiro sobre o "Uso saudable de Internet". Nestas primeiras sesións tivemos que indicar que dispositivos tecnolóxicos tiñamos na casa e que iconas de aplicacións coñecíamos e para que as usabamos.
Como todos os mércores... o xornal entra na aula 5. Hoxe comentamos as noticias que nos chamaron a atención, analizamos o calendario do mes de xuño e comparamos a versión impresa da “Voz de Galicia” coa versión dixital.